Santiago, 15 de xuño de 2018.- O deputado do Grupo Popular Martín Fernández Prado trasladou hoxe “a seguridade á cidadanía de que as cousas se van seguir facendo con esixencia máxima, tanto na tramitación como nos controis das augas” respecto ao proxecto da mina de Touro e O Pino. Neste sentido, lamentou que os grupos da oposición “estean xa en campaña electoral, creando medo e alarmismo entre a xente na busca de réditos electorais”.
Martín Fernández lembrou que a normativa pola que se está a tramitar este proxecto mineiro “é a aprobada por socialistas e nacionalistas na súa etapa de Goberno bipartito na Xunta” e subliñou que “estase demostrando que o actual Goberno galego ten un compromiso de máxima esixencia, transparencia e rigor administrativo e legal”.
INFORMES TÉCNICOS
“Nós respectamos e confiamos no que digan os técnicos, polo que non lle imos pedir a un goberno que faga algo sen ter o aval dos funcionarios”, sinalou.
Respecto do control da calidade das augas do río Ulla e da posible afección á ría de Arousa, Martín Fernández recoñeceu que “o sector poida estar preocupado, pero estase a aportar toda a información que necesiten desde a Administración galega”. Neste sentido, indicou que xa se celebraron reunións co sector para darlle traslado de toda a información, ao tempo que existe o compromiso da Xunta de redobrar o sistema de control dos vertidos da mina mediante un plan conxunto entre Augas de Galicia, Laboratorio de Medio Ambiente e INTECMAR.