Santiago, 9 de abril de 2019.- O deputado do Grupo Popular Moisés Rodríguez reiterou hoxe no Parlamento que “tanto a Xunta como o PPdeG están do lado dos traballadores do centro de Bosch en Vigo, do mesmo xeito que estamos con todas as persoas que ven perigar os seus postos de traballo”.
Moisés Rodríguez acusou aos grupos da oposición de “vir ao Parlamento cun discurso gravado e pechado, buscando botarlle a culpa a quen non a ten”. “Non lles interesa chegar a acordos co PP e prefiren unicamente tratar de buscar culpables”, apuntou.
Respecto do conflito laboral na empresa Bosch, o deputado popular subliñou que “a Xunta está traballando desde a inspección de traballo e levantando actas e impoñendo sancións cando corresponde, así como actuando a través do Instituto Galego de Consumo e Competencia”.
Así mesmo, Moisés Rodríguez incidiu que o Grupo Popular mantén o seu apoio á proposición non de lei aprobada en Comisión, a través da que se rexeitaba o ERTE de Bosch no seu centro de Vigo, demandando a esta compañía e a Vodafone o mantemento da totalidade dos postos de traballo.
A proposición non de lei incorpora a solicitude para que o Goberno do Estado aumente a dotación de medios humanos e materiais da Inspección de Traballo e Seguridade Social para garantir que se cumpre a lexislación laboral no sector do telemarketing e desenvolver actuacións eficaces na comprobación das causas técnicas, produtivas, organizativas ou económicas que poidan alegar as empresas para solicitar ERES ou ERTES.