25 de abril de 2023. A deputada do Grupo Popular Sandra Vázquez defendeu hoxe no Pleno do Parlamento galego “a aposta da Xunta pola I+D+i, baseada na coordinación entre os distintos departamentos autonómicos; que acada cifras récord de investimento e emprego; e cunha crecente participación do sector empresarial, e polo tanto, de transferencia da ciencia á realidade social e económica a modo de innovación”.
Sandra Vázquez considerou “lexítimo” que o BNG defenda nunha proposición de lei debatida hoxe na sesión plenaria “que imitemos o modelo que teñen algunhas comunidades autónomas como Cataluña ou o País Vasco, que decidiron crear fundacións públicas para impulsar todas as políticas en materia de I+D+i e de xeración de coñecemento científico”.
“Son modelos lexítimos que desde o Grupo Popular consideramos que en Galicia non son necesarios nin eficientes, en tanto que non se axustan á realidade do sistema galego de I+D+i, tanto pola súa dimensión como polo retroceso que suporía respecto do modelo actual”, concretou.
INCREMENTO DO PESO DAS EMPRESAS
Así, a deputada popular salientou que Galicia conta na actualidade “co maior número de toda a serie histórica de persoas investigadoras e empregadas en actividades de I+D+i: 7.462 e 11.435, respectivamente”. Ademais, apuntou que “o peso das empresas na I+D de Galicia foi incrementándose ata superar o 50 por cento do total, o que supón un avance pero recoñecemos que hai que mellorar para homologarnos coas rexións europeas máis intensivas en I+D”.
“Galicia investiu en 2021 cerca de 700 millóns de euros en I+D, o que supón o nivel máis alto de investimento de toda a serie histórica e consolida a nosa posición como a sétima comunidade que máis inviste en I+D sobre o total do Estado”, sinalou. Este incremento do nivel de investimento “tamén se ten traducido nun aumento do peso da I+D na estrutura produtiva galega, que na actualidade acadou o 1,1 por cento no 2020”. “O obxectivo é situar o investimento en I+D no 2 por cento do PIB en 2030”, apunto Sandra Vázquez.
Na súa intervención, a deputada popular referiuse en concreto a diversos instrumentos que se integran no modelo de I+D que desenvolve o actual Goberno galego. En primeiro lugar, manifestou que a Estratexia de Especialización Intelixente-RIS3 de Galicia, presentada o pasado 28 de marzo, prevé mobilizar 5.000 millóns de euros ata 2027, dos que 3.000 millóns de euros corresponden a fondos públicos, é dicir, un 170 por cento máis que no período anterior.
Así mesmo, impulsouse a Axencia Galega de Innovación, con personalidade xurídica propia, que só neste ano 2023 ten programadas 17 liñas de apoio dotadas con máis de 100 millóns de euros.
NOVO DECRETO
Sandra Vázquez citou, tamén a Comisión Interdepartamental de I+D+i, creada en 2020 como órgano de planificación e coordinación dos obxectivos, actuacións, instrumentos e fondos da Comunidade galega neste ámbito. Dentro desta Comisión estase a avanzar na elaboración dun novo decreto que situará a Galicia como a primeira comunidade de España en regular a carreira de todo o persoal de investigación que depende da Xunta e os seus órganos dependentes. “Unha normativa que trata a científicos e técnicos por igual, sexa do ámbito que sexan, ofrecéndolles estabilidade laboral a través dun contrato fixo e un sistema de promoción profesional claro e definido desde o primeiro momento en función dos méritos”, explicou.
Para rematar, a deputada popular destacou o Programa Oportunius para a atracción de talento excelente, que xa ten organizado 19 talleres de formación con máis de 390 participantes e avaliou 238 candidaturas ao ERC.