Santiago, 22 de xaneiro de 2019.- O portavoz do Medio Rural, Moisés Blanco, salientou hoxe a disposición da Xunta de Galicia de consensuar cos sectores implicados a posición que defenderá a Consellería na elaboración do Plan Estratéxico de España para a PAC 2020.
Blanco asegurou que “Galicia está facendo o correcto, está onde ten que estar e comportándose como un goberno serio, responsable e que pensa en defender a todos os agricultores e gandeiros galegos cunha postura leal e de colaboración tanto co Goberno do Estado como co resto das comunidades autónomas”.
Así mesmo, o portavoz do Medio Rural subliñou que “o plan estratéxico español para a PAC 2020 debe recoller as particularidades de Galicia, consensuadas nun decálogo que a Consellería xa ten pactado co sector galego desde hai uns meses e que xa foi remitido ao Ministerio”.