Santiago, 28 de marzo de 2018.- O deputado do Grupo Popular Carlos Gómez Salgado salientou hoxe no Parlamento as medidas adoptadas pola Xunta ante os danos ocasionados polo xabaril, “tendo en conta a opinión de todos os colectivos implicados a través dun grupo de traballo no que se coordinan e consensúan as actuacións”.
En concreto, Gómez Salgado referiuse á aposta pola prevención dos danos do xabaril, o incremento da presión cinexética sobre esta especie ou as axudas específicas de carácter compensatorio para paliar os danos.
Carlos Gómez avanzou que este paquete de medidas “van a seguir impulsándose para facer fronte aos danos que ocasiona a poboación de xabaril”.
600.000 EUROS EN AXUDAS
En concreto, lembrou a liña de axudas específica de carácter compensatorio por 600.000 euros establecida no 2016 para paliar os danos producidos sobre os cultivos, á que se sumou ese mesmo ano e o seguinte outra liña de axudas que incluía, entre outros, a subvención para a adquisición de pastores eléctricos.
“A Xunta publicou, ademais, unha nova orde de prevención de danos por fauna silvestre, cun orzamento inicial de 300.000 euros, dos que 120.000 euros foron destinados a subvencionar novamente a adquisición de pastores eléctricos, continuando coa aposta deste goberno pola prevención”, engadiu.
Carlos Gómez considerou “imprescindible centrar os esforzos na prevención, evitando así que os danos cheguen a producirse”. Neste sentido, avanzou a previsión de “impulsar un incremento notable da presión cinexética sobre esta especie, froito das reunións mantidas desde a administración con representantes do sector”.
PROLONGACIÓN XORNADAS DE CAZA
Neste sentido, afirmou que no último Comité Galego de Caza acordouse propor a prolongación do período hábil de caza do xabaril ata o 3 de febreiro de 2019, cun incremento do número de xornadas hábiles de caza que pasan de 67 na tempada 2017-2018 a 77 xornadas na vindeira tempada 2018-2019 en terreos de réxime cinexético especial e de 25 a 36 xornadas hábiles en terreos de réxime cinexético común.
“Ademais, e coa finalidade de axilizar e actuar coa maior rapidez na toma de decisións, a Xunta de Galicia, ao inicio da tempada de caza e a través dos seus Servizos Provinciais e coordinada directamente co sector agrario e cos cazadores, celebrará reunións onde se definan as zonas de conflito e se establecerán os protocolos de actuación para reducir os danos á agricultura, nomeadamente aos cultivos durante os períodos críticos da sementeira e da colleita”, apuntou.