Santiago, 12 de novembro de 2019.- A deputada do Grupo Popular Maribel Novo manifestou hoxe no Pleno do Parlamento o “compromiso constante” da Xunta co servizo de socorristas en Galicia, “coas entregas de material de rescate, colaborando e financiando a formación do persoal e a través de subvencións para a contratación destas persoas polos concellos”.
Maribel Novo lembrou que “a contratación dos socorristas non é competencia da Xunta de Galicia, senón que corresponde aos concellos, que determinan tanto o número de persoas, como o período de actividade e os salarios”.
Neste sentido, a deputada popular sinalou que o Goberno galego “xa se comprometeu a organizar unha convocatoria unificada do persoal, así como a incrementar a oferta formativa”. “Tamén é un dos obxectivos da Xunta o establecemento dunha regulación mínima para o exercicio da actividade”, sinalou, para apuntar que en Galicia “xa é obrigatorio que os socorristas teñan como mínimo o certificado de profesionalidade, recoñecido a nivel nacional e europeo, cumprindo os requisitos para traballar en calquera lugar de España”.