Santiago, 7 de marzo de 2017.- A portavoz de Administracións Públicas do Grupo Popular, Paula Prado, salientou hoxe o compromiso do actual Goberno galego no cumprimento do Pacto Local, promovendo recursos para os concellos. En concreto, salientou que o Fondo de Cooperación Local, que “tería que verse reducido cando os orzamentos da Xunta minguaban, mantívose desde o ano 2009 e este ano achegará un total de 119 millóns de euros aos concellos”.
Do mesmo xeito que os demais deputados do Grupo Popular, Paula Prado iniciou a súa intervención reiterando que a deputada de En Marea aínda non pediu desculpas polas as calumnias vertidas contra todos os membros do PPdeG nas redes sociais chamándonos asasinos de mulleres. Neste sentido, manifestou que o portavoz de En Marea, Luis Villares, “perdeu unha oportunidade magnífica de pedir desculpas no nome do seu grupo parlamentario na súa intervención no Pleno”.
CONSENSO PARA O FINANCIAMENTO LOCAL
A portavoz popular sinalou que a sinatura do Pacto Local en 2006 supuxo “un achegamento de posturas tanto do ámbito municipal como autonómico”, polo que puxo en valor que “houbera un consenso para poñer enriba da mesa o financiamento dos servizos dos concellos”.
Porén, lamentou que durante os tres anos do Goberno bipartito “non se fixo nada, nin nos centros de saúde nin nos centros de ensino”. “En 2009 quedaba sen cumprir o 85 por cento do Pacto Local”, polo que lamentou que “no momento de maior bonanza económica non fixeron nada e agora veñen dicirlle ao Partido Popular que faga máis”, sinalou.
Ademais do incremento do Fondo de Cooperación Local realizado polo actual Goberno galego nos últimos anos, Paula Prado fixo referencia ao Fondo de Compensación ambiental, que permitiu aos concellos dispor de máis de 77 millóns de euros desde 2010; a substitución de grumires polos grupos de emerxencia supramunicipais; ou asumindo 110 centros de saúde e investindo máis de 6,5 millóns de euros ao ano no mantemento dos centros de ensino.