30 de maio de 2023. O deputado do Grupo Popular José Luis Ferro asegurou hoxe no Pleno do Parlamento galego que “no PPdeG temos o compromiso político de defender o galego, sen atacar a ninguén, entendendo que nos define como pobo e que o bilingüismo é unha realidade e unha riqueza para Galicia”.
“Non se pode apostar por unha comunidade monolingüe como pretende o BNG, porque Galicia é bilingüe sen problemas e sen conflitos”, apuntou.
José Luis Ferro lembrou que coa aplicación da Lei de normalización lingüística de Galicia, aprobada no ano 1983, “se produciu un gran cambio, tanto a nivel de coñecemento como de desenvolvemento e de preservación do galego”.
“Fronte ao discurso de catástrofe perpetua dos nacionalistas galegos, en Galicia temos un modelo lingüístico que se sostén sobre principios como a igualdade e o respecto á lei, garantindo os dereitos de todos os cidadáns; a convivencia harmónica dos dous idiomas oficiais da Comunidade galega; e a liberdade para que cada un poida empregar a lingua que desexe en calquera ámbito”, manifestou.
SEN IMPOSICIÓNS E CON RESPECTO
Deste xeito, o deputado popular salientou que “nesta última década, sen imposicións e con respecto, acadamos o maior índice de coñecemento do galego”, como o poñen de manifesto estudos realizados polo Instituto Galego de Estatística, o Informe PISA ou o Barómetro Calvet, o indicador máis prestixioso do mundo que publica cada cinco anos o Ministerio de Cultura de Francia. “Estes datos son o resultado dunha política moi activa de planificación, promoción, dinamización e fomento do galego”, sinalou.
Para rematar, Ferro lembrou que a aplicación do Decreto do Plurilingüismo, aprobado pola Xunta en 2010, permitiu que os mozos galegos puideran aprender galego, castelán e unha lingua estranxeira na escola. “Hoxe, os datos avalan a eficacia deste decreto, xa que a lingua galega consolidouse como a maioritaria, produciuse o maior incremento de falantes desde que existen estatísticas e medra o emprego con normalidade das dúas linguas cooficiais, reforzando a idea de que en Galicia existe cordialidade lingüística”, dixo.