Santiago, 28 de febreiro de 2019. A deputada popular Raquel Arias resaltou hoxe no Parlamento o incremento do peso da muller nas explotacións agrarias galegas e, en xeral, nas iniciativas empresariais impulsadas por mulleres no campo. Do mesmo xeito, Arias puxo en valor a “implicación do Goberno da Xunta na posta en marcha de medidas que favorecen a igualdade real de oportunidades das mulleres rurais, a súa visibilidade e a súa profesionalización”.
Raquel Arias expuxo datos que exemplifican ese crecente papel no eido empresarial das mulleres rurais, “emprendedoras, empoderadas, que defenden e poñen en marcha as súas ideas e con capacidade de negocio e de xestión”.
54 POR CENTO SON MULLERES
Tal e como indicou a parlamentaria, o 54 por cento das persoas que deciden iniciar un negocio no rural son mulleres, engadindo que “as empresarias rurais son de perfil innovador”, de xeito que “o 79 por cento son autónomas e apostan por explorar novos nichos de mercado”.
En canto á titularidade das explotacións agrarias, no caso das que se atopan en mans de persoas físicas, a parlamentaria salientou que o 52 por cento (21.770 das 42.092 que existen en Galicia), están a nome de mulleres. No caso das persoas xurídicas existen un total de 5.681, das cales 2.121 se constituíron como sociedades civís, e delas o 90 por cento están en mans de matrimonios cun reparto de participacións do 50 por cento.
DEMOGRAFÍA
Raquel Arias fixo unha consideración sobre a importancia das medidas de conciliación no rural, “imprescindibles para favorecer que as mulleres emprendan ou sexan activas nas explotacións”, polo que, ademais dos recursos para todas as familias galegas, puxo énfase nas casas niño como servizo específico para as familias do rural. Neste sentido, recalcou que “esa conciliación non debe recaer unicamente nas mulleres”, e lembrou a posta en marcha por parte da Xunta do Plan de Conciliación e Corresponsabilidade 2018-2021.
Do mesmo xeito, Arias puxo outros exemplos das medidas e plans desenvolvidos pola Xunta para seguir favorecendo esa crecente presenza activa das mulleres no mundo empresarial do rural, como é o caso do Plan Estratéxico de Galicia para a igualdade entre homes e mulleres 2017-2020, que inclúe numerosas iniciativas concretas para o rural; ou as axudas para entidades de iniciativa social das que se benefician ano tras ano asociacións de mulleres rurais.
A deputada popular lembrou tamén que as medidas contempladas no Plan de Fixación de Poboación no Rural, “contribúen a crear unha contorna máis favorable para vivir, emprender e soster un negocio ou unha actividade económica no campo” ao tempo que destacou que a Xunta mantén “o enfoque de xénero como eixo transversal en todas as accións de goberno, tamén no rural”.