Santiago, 9 de febreiro de 2021.- O portavoz de Asuntos Sociais do Grupo Popular, Alberto Pazos, afirmou hoxe no Pleno do Parlamento que o modelo galego de atención integral a maiores e dependentes “prestou un gran servizo aos galegos, pero necesita ser reformado, potenciando o moito que funciona ben e corrixindo as eivas que agromaron no contexto dunha alerta sanitaria mundial”.
Por este motivo, lembrou que a Xunta “tendeu a man para elaborar un novo modelo e creouse neste Parlamento unha comisión para consensualo”, pero lamentou que “a resposta do BNG foi presentar as conclusións antes sequera de comezar o diálogo”.
Alberto Pazos coincidiu coa oposición na demanda de máis recursos do servizo de axuda no fogar, a teleasistencia, os centros de día ou as residencias, pero considerou que “nin é xusto que a Xunta asuma en exclusiva esa maior necesidade de recursos, nin é lóxico que o BNG decida como teñen que distribuírse”.
MELLOR NOTA
“O certo é que tanto socialistas como nacionalistas esixen á Xunta distintas solucións que pasan por aumentar de maneira exponencial e inmediata o investimento público en materia de dependencia, mentres o Goberno de España xa anunciou que rematará a lexislatura sen cumprir o seu compromiso de aportar o 50 por cento do custo”, sinalou.
O portavoz popular salientou que nos últimos anos “se incrementou un 44 por cento nas prazas públicas en residencias, se multiplicaron por catro as prazas en centros de día, somos líderes en España na prestación do servizo de axuda no fogar e superamos os 6.500 usuarios en teleasistencia”.
Esta dotación do sistema de protección social galego permitiu que “se superara con mellor nota que os sistemas sociais da nosa contorna a alerta sanitaria que estamos a sufrir”.