A portavoz de Política Social do Grupo Popular, Raquel Arias, salientou hoxe no Pleno do Parlamento de Galicia o incremento do 18 ao 26 por cento sobre o total das licenzas deportivas femininas entre os anos 2009 e 2024, co obxectivo de chegar á igualdade efectiva nos vindeiros anos.
Raquel Arias lembrou que a Lei 3/2012 do deporte de Galicia “recoñece nos seus artigos 3 e 5 o dereito de todos os cidadáns a coñecer e a practicar deporte de forma libre, voluntaria e democrática en termos de igualdade e sen discriminación algunha, así como a integración da dimensión de igualdade de oportunidades entre as mulleres e os homes, e evitar calquera elemento de discriminación directa ou indirecta”.
“Galicia vive un crecemento do deporte feminino en todos os ámbitos e mostra disto é que as licencias femininas representaban o 18 por cento sobre o total en 2009 e no exercicio de 2024 supoñen o 26 por cento das licenzas deportivas, nun ano que pecho con case 320.000 licenzas federativas”, destacou a portavoz popular.
DESDE O ALTO NIVEL ATA O DEPORTE ESCOLAR
Neste sentido, Raquel Arias referiuse ao incremento das deportistas galegas de alto nivel, que pasaron de representar o 28,5 por cento en 2011 ao 41,3 por cento en 2025; ao tempo que se igualou a participación na práctica deportiva escolar, con 52 por cento de nenos e 48 por cento de nenas.
“Estes resultados son froito do traballo diario dos axentes deportivos galegos, pero tamén dos programas de actuación da Xunta, entre os que destacan o plan de patrocinio dos equipos de alta competición, a campaña Non contra a violencia de xénero ou o plan corresponsables”, afirmou.
Respecto da igualdade no deporte no colectivo LGBTI, a viceportavoz popular sinalou que a Lei 2/2014 pola igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gais, bisexuais, transexuais e intersexuais de Galicia é a primeira destas características que conta cun artigo específico dedicado ao deporte, onde se recolle que a práctica deportiva e de actividade física desenvolverase en termos de igualdade e sen discriminación algunha por razón de orientación sexual e identidade de xénero.