Santiago, 14 de xullo de 2019.- A deputada do Grupo Popular Teresa Egerique afirmou hoxe que “o señor Leiceaga e os socialistas galegos propoñan a celebración dunha Deputación Permanente no Parlamento galego sobre a designación de Corina Porro como delegada da Xunta en Vigo é unha manifestación de que están moi nerviosos porque saben que este nomeamento vai ser moi positivo para a cidade viguesa, para Galicia e moi negativo para os intereses socialistas”.
“Resulta ridículo e un papelón que ten que facer o señor Leiceaga, ao ditado do señor Abel Caballero, a solicitude desta Deputación Permanente”, indicou Teresa Egerique, quen subliñou que “os socialistas de Vigo, e os de Galicia en xeral, están moi preocupados porque unha persoa como Corina Porro, unha ex alcaldesa cunha lexitimidade absoluta na cidade e unha presenza ampla, que coñece moi ben todo Vigo e que traballou sempre por esta cidade, sexa a nova delegada da Xunta”.
A deputada popular incidiu que se trata dun “nomeamento lexítimo e amparado pola lei, totalmente correcto e axeitado dadas as necesidades que ten agora a cidade de Vigo”.
NORMALIDADE DEMOCRÁTICA
“Os socialistas confunden á cidade e o que é o seu pensamento único co que é a calidade e normalidade democrática”, manifestou Egerique. Neste sentido, lembrou que “Corina Porro sempre gañou a Abel Caballero nas urnas pola súa calidade humana e democrática, porque escoita a todas persoas e porque sabe traballar e facer política nunha cidade aberta como é Vigo, cousa que é todo o contrario ao que fai Abel Caballero”.
Así, apuntou que “se de verdade lles preocupa aos socialistas galegos a calidade democrática, poden comparar os dereitos e os medios dos que dispón o seu grupo no Parlamento galego, pactados entre todos os grupos parlamentarios, e os que goza a oposición no Concello de Vigo, totalmente discriminada e facéndolle practicamente imposible exercer o seu labor de control do goberno local”.
Respecto do carácter político de este nomeamento, Teresa Egerique sinalou que “a Xunta ten todo o dereito de elixir a quen mellor poida impulsar a acción do Goberno galego en Vigo polo ben dos vigueses e, sen dúbida algunha, por capacidade, experiencia e coñecemento de Vigo que ten Corina Porro é quen mellor o pode facer”.
Ademais, criticou a incongruencia dos socialistas vigueses ao denunciar a utilización política deste nomeamento, cando “o propio secretario xeral dos socialistas pontevedreses é o delegado da Zona Franca en Vigo, ou o propio delegado do Goberno en Galicia está máis centrado en facer oposición á Xunta desde o seu cargo que de defender os intereses dos galegos diante do Goberno de Pedro Sánchez”.