Santiago, 27 de marzo de 2019.- O portavoz de Infraestruturas do Grupo Popular, Martín Fernández Prado, afirmou hoxe que o Goberno galego está a desenvolver “un traballo coordinado, transversal e inxente a prol dunha mobilidade máis sustentable, que inclúe un labor lexislativo e un enorme esforzo de planificación a través da estratexia integral de mobilidade sostible”.
Martín Fernández explicou que o programa electoral do PPdeG recolle que durante a presente lexislatura se articulará unha estratexia galega de ampliación e fomento do transporte público “con varios apartados que xa se está a implantar e, polo tanto, a cumprir o noso compromiso cos galegos”.
DOBRE VERTENTE
Neste sentido, indicou que a Xunta vén traballando no fomento dunha mobilidade sustentable a través dunha dobre vertente. “Por unha banda, cunha estratexia global de sustentabilidade e de loita contra o cambio climático, que inclúe tanto a aplicación dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), en sintonía coa Axenda 2030 de Nacións Unidas e das políticas europeas, como a realización dunha Estratexia galega contra o cambio climático e enerxía 2050, na que ten un peso enorme a mobilidade e o transporte público”.
“Neste momento, atópase en período de exposición pública o seu primeiro Plan Operativo 2019-2023, polo que se aos grupos da oposición lles interesase de verdade a mobilidade sostible terían participado nas mesas de traballo ás que foron convidados ou farían agora as aportacións que consideraran oportunas”, sinalou.
En segundo lugar, Martín Fernández manifestou que a Xunta está a fomentar e desenvolver a mobilidade sustentable e transporte público “con leis, normativas, políticas e accións concretas, dirixidas tanto a cidadáns como de mercadorías”.
En concreto, referiuse á lei 10/2016 de medidas urxentes para a actualización do sistema de transporte público de Galicia e a lei 2/2017 que regula o sistema de transporte público de viaxeiros. “Pero a aposta da Xunta vai moito máis alá do labor lexislativo e suma unha completa planificación con medidas e actuacións que conforman unha estratexia integral de mobilidade sostible, dentro da que figuran o Plan de transporte público de Galicia, o Plan de transporte metropolitano de Galicia, as estacións intermodais ou o plan de sendas de Galicia”, manifestou.