Santiago, 23 de xuño de 2017.- A deputada do Grupo Popular Soraya Salorio salientou hoxe no Parlamento que “a Consellería do Mar leva desde 2012 traballando para minimizar o impacto do parásito Marteilia conchillia no berberecho e mellorar a produción do bivalvo a través de proxectos de investigación e axudas directas para paliar as perdas produtivas causadas pola diminución das poboacións de berberecho”.
Soraya Salorio concretou que, ademais dos proxectos habituais de seguimento cientifico-técnico desenvoltos polo Centro de Investigacións Mariñas, aprobáronse 5 proxectos de investigación específicos con cargo ós fondos da Consellería do Mar e desenvoltos entre 2013 e 2018, cun investimento total de 380.000 euros”.
INCREMENTO DA ANÁLISE
“O número total de mostras de berberecho analizadas por esta unidade sufriu un incremento importante dende a aparición da enfermidade, duplicando e mesmo triplicando o número de mostras anuais analizadas”, salientou a deputada popular. Ademais, engadiu que “estas medidas suporán no só impedir que berberechos procedentes das rías afectadas se sementen nas rías non afectadas, ao tempo que se tratan convenientemente as augas utilizadas na depuración dos bivalvos para impedir que a introdución de berberechos de zonas afectadas en depuradoras que vertan augas de depuración en rías non afectadas, non supoña un risco de propagación da enfermidade”.
Soraya Salorio subliñou que “os datos produtivos do berberecho na ría de Arousa amosan que dende o 2016 hai unha recuperación tanto en quilogramos extraídos como en euros obtidos”. “Así, en 2016 acadouse a produción máis alta dos últimos 5 anos e as perspectivas para o 2017 son boas, tendo en conta que este é o primeiro ano no que unha parte da poboación de berberecho nos Lombos do Ulla sobrevive a un episodio da enfermidade e pode contribuír á cría e a produción durante o 2017”, apuntou.