O deputado do Grupo Popular Argimiro Marnotes destacou hoxe no Parlamento de Galicia “os avances e o compromiso real” da Xunta coa construción do novo edificio administrativo en Ourense e criticou ao BNG por “sementar dúbidas permanentemente sobre o traballo feito, ao tempo que esixe resultados inmediatos”.
Argimiro Marnotes incidiu que “o edificio administrativo da Xunta en Ourense é unha prioridade para o Goberno galego, e así está demostrado desde o primeiro momento”. En concreto, lembrou que a Xunta decidiu no segundo semestre de 2021 adquirir os terreos necesarios no barrio das Lagoas por un importe próximo aos 8,5 millóns de euros”.
INFRAESTRUTURA CLAVE
Posteriormente, convocouse un concurso de ideas para o novo edificio, que foi resolto en febreiro de 2023. Estas novas instalacións, que suporán un investimento total de 25 millóns de euros, contarán con oito plantas e catro sotos, con capacidade para preto de 900 empregados públicos e centralizará dez departamentos autonómicos. Ademais, inclúe unha praza pública de 5.000 metros cadrados, converténdose nunha infraestrutura clave para mellorar a eficiencia administrativa e a atención á cidadanía.
“Neste momento, a Xunta está a traballar con todos os sectores afectados para rematar o proxecto de construción do edificio administrativo de Ourense e poder comezar a construción do mesmo, para o que os orzamentos da Xunta para o presente ano xa incorporan unha partida económica específica”, indicou.