Santiago, 13 de decembro de 2019.- A portavoz de Educación do Grupo Popular, María Antón Vilasánchez, salientou hoxe que o programa Edulingüe de potenciación das linguas estranxeiras “chegará neste curso a cerca de 110.000 estudantes de infantil, bacharelato e formación profesional, o que representa máis do 31 por cento do alumnado galego”.
María Antón explicou que Edulingüe é un programa voluntario, no que “a Xunta pon ferramentas ao alcance dos centros e da comunidade educativa, e é o Consello Escolar de cada centro o que decide se se incorpora ou non”.
Neste curso 2019-20, en Galicia son 423 os centros co plurilingüismo en diferentes niveis educativos, o que supón 4.647 seccións bilingües e 617 auxiliares de conversa. “Temos pasado de 12.500 alumnos beneficiados no curso 2008-09 polo Plan de potenciación das linguas estranxeiras, aos cerca de 110.000 da actualidade a través do Edulingüe”, subliñou a portavoz popular.
OUTRAS MEDIDAS
“Este esforzo da Xunta vén acompañado con outras medidas como as English Week, o Educhange ou o renovado plan de formación para o profesorado que desde este mesmo curso se porá en marcha para reforzar o traballo na aula da competencia oral”, apuntou.
Ademais, este curso será o segundo no que se habilite a posibilidade de acreditar o nivel de coñecemento lingüístico B1 e B2 en inglés de acordo co Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas, destinado a alumnos que finalizaron a etapa de ESO, bacharelato e formación profesional na rede de centros plurilingües, incorporando como novidade que os alumnos que xa acadaron o certificado do nivel B2 terán a oportunidade de certificarse no C1.