A portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Encarna Amigo, criticou hoxe “a demagoxia e o alarmismo do BNG” respecto do incidente ocorrido no Hospital Materno-Infantil de Ourense, logo do caída dun falso teito, e salientou que a Xunta “reaccionou con axilidade, dando unha solución urxente adiantando a reubicación dos servizos de paritorios, hospitalización infantil e obstétrica noutros espazos do Hospital de Ourense para manter a actividade asistencial e garantir tranquilidade a pacientes e profesionais”.
“Mentres se moderniza o Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, con proxectos rigorosos baseados en criterios técnicos e no diálogo cos profesionais, o BNG insiste en desinformar e xerar alarma”, lamentou a portavoz popular, quen afirmou que “o BNG pretende dar leccións sobre planificación sanitaria cando, en realidade, actúa como a inquisición moderna: atacando sen fundamento, opinando sen coñecemento técnico e poñendo en dúbida o traballo de profesionais e expertos”.
A RENOVACIÓN MÁIS AMBICIOSA DA HISTORIA
Encarna Amigo salientou que a Xunta está a acometer “a renovación hospitalaria máis ambiciosa da historia de Galicia” e situou como un dos exemplos máis contundentes as obras do Complexo Hospitalario de Ourense, onde os investimentos superan os 80 millóns de euros desde o ano 2020.
En concreto, referiuse á nova área UCI, dotada con equipamento de última xeración tras un investimento de 10 millóns de euros; ou a nova unidade de medicina nuclear, con 2,8 millóns de euros investidos e que, por primeira vez, permite facer probas PET en Ourense.
“O núcleo central deste proceso de modernización e renovación é o novo edificio hospitalario de 12 plantas e 52,6 millóns de euros de investimento, que albergará áreas de hospitalización, urxencias e radioloxía; e no que tamén se construirá un novo Hospital Materno-Infantil, que substituirá o actual para garantir un maior rendemento do investimento, unha vida útil máis longa e unha mellor atención para as familias ourensáns”, manifestou.