A portavoz de Educación do Grupo Popular, Cecilia Vázquez, salientou hoxe no Pleno do Parlamento galego que a nova licitación do transporte escolar en Galicia suporá un incremento do 12,2 por cento no orzamento destinado a este servizo e favorecerá ás pequenas e medianas empresas ao dividir a oferta en lotes máis pequenos.
Cecilia Vázquez asegurou que “o transporte escolar é un servizo esencial e nunca se interrompe por unha licitación, manténdose ata a adxudicación definitiva”. Este servizo “cumpre en Galicia unha función social imprescindible, porque garante o acceso á educación en termos de igualdade, sen barreiras socioeconómicas nin xeográficas”.
En concreto, a portavoz popular lembrou que o transporte escolar en Galicia move diariamente a 80.000 alumnos, en máis de 3.700 rutas e 33.000 paradas repartidas por todo o territorio. “Iso supón un investimento de arredor de 120 millóns de euros anuais, máis do 20 por cento de todo o gasto en transporte escolar de España, cando só representamos o 5 por cento da poboación escolar”, indicou.