A deputada do Grupo Popular Nicole Grueira destacou hoxe no Parlamento de Galicia que a través do Plan Camiña Rural da Xunta “xa se melloraron máis de 6.000 camiños rurais, o que supón preto de 5.000 quilómetros de vías municipais”. Así mesmo, apuntou que esta iniciativa conta para o período 2025-2026 cunha dotación orzamentaria de case 20 millóns de euros, todos eles fondos propios da Administración galega.
Nicole Grueira manifestou que este plan “supón un apoio directo aos concellos, que son que mellor coñecen as necesidades dos seus veciños e veciñas”. “A través desta iniciativa, os gobernos municipais contan cun instrumento eficaz para mellorar as infraestruturas do rural, garantindo a accesibilidade e a vertebración do territorio”, anotou.
“O sistema de reparto do Plan Camiña Rural é transparente e equilibrado”, defendeu a deputada popular, quen explicou que “todos os concellos reciben unha asignación fixa, en base a criterios obxectivos e transparentes coñecidos con anterioridade, que logo se incrementa en función do número de habitantes e das entidades de poboación de cada municipio, aplicando tamén factores de corrección vinculados coa agrariedade, a superficie e a localización”.
CASTIGO AO RURAL GALEGO DO GOBERNO CENTRAL
Para rematar, Grueira demandou a BNG e PSdeG que “centren os seus esforzos en pedirlle ao Goberno central que non castigue ao rural galego, porque, mentres a Xunta inviste fondos propios en plans como este, o Goberno de Pedro Sánchez fai xusto o contrario: recorta servizos e abandona o rural”.
“Sen ir máis lonxe, co recente proxecto de Lei de mobilidade sostible o Goberno de Sánchez vai suprimir 22 liñas de autobús no rural, prexudicando a máis de 130.000 galegos e galegas”, rematou.