O deputado do Grupo Popular Argimiro Marnotes salientou hoxe no Pleno do Parlamento galego que a Xunta achegará este ano aos concellos de Galicia a cifra histórica de 626 millóns de euros, un 4,20 por cento por riba da contía de 2024. Neste sentido, reclamou ao Goberno central “que desbloquee o uso de remanente de tesourería dos concellos para que poidan ser utilizados, tal e como están a reclamar todos eles”.
Argimiro Marnotes concretou que o Fondo de Cooperación Local, logo das subas do 67,63 por cento respecto do ano 2022 e do 24,08 por cento con relación a 2023, no ano 2025 acada os 168 millóns de euros, un 6,3 por cento por enriba da suba media do orzamento da Xunta para o presente ano.
UN 40% MÁIS QUE O ESTADO
“A aportación autonómica aos concellos galegos é un 40 por cento superior á estatal, co feito relevante de que esta maior aportación está centrada naqueles municipios con menor poboación, ao representar as transferencias autonómicas un 88 por cento máis que a estatal a este grupo de concellos”, explicou.
O deputado popular rexeitou a proposta dos socialistas de crear un plan único autonómico para o financiamento de proxectos locais porque “xa temos un plan que é único en garantir unha cantidade anual, aínda que a economía estea en receso; en medrar economicamente cada ano desde 2011; en dar prioridade aos concellos de menos de 15.000 habitantes; en afrontar os grandes abandonos do Goberno central para que os concellos non se resintan; en garantir recursos que se poden utilizar para as necesidades que estime cada concello; e en ter recursos suficientes para chegar a calquera imprevisto urxente de calquera dos concellos de Galicia”.