Santiago, 20 de novembro de 2018.- A portavoz de Asuntos Sociais do Grupo Popular, Marta Rodríguez Arias, salientou hoxe o “punto de inflexión para a mellora da atención temperá que supuxo a aprobación en 2013 do decreto de creación dunha rede galega”.
“Hoxe existen 16 unidades de atención temperá, que dan servizo a 92 concellos galegos, seis veces máis que no 2009, e o obxectivo é ampliar esta rede ata 21 unidades en 2019”, engadiu.
Marta Rodríguez Arias lembrou que “hai nove anos non existía ningunha unidade de atención temperá financiada entre a Xunta e os concellos, e só funcionaban nove unidades hospitalarias a través do Sergas e outras dúas xestionadas a través da Asociación Galega de Atención Temperá”.
COORDINACIÓN E ÁMBITO MUNICIPAL
“A aprobación en 2013 do decreto de creación da Rede Galega de Atención Temperá supuxo a coordinación dos sistemas sanitario, educativo e os servizos sociais implicados na atención a menores, establecendo o ámbito municipal como máis eficaz para a atención temperá pola súa proximidade ás persoas”, indicou.
A portavoz popular apuntou que a Xunta puxo a disposición dos concellos galegos entre os anos 2016 e 2017 máis de 1,1 millóns de euros para a posta en marcha de seis unidades de atención temperá, ao tempo que no presente ano 2018 incrementouse a dotación da orde de axudas nun 13 por cento para financiar o funcionamento das unidades existentes e a posta en marcha doutras sete novas unidades.
“De cara ao vindeiro 2019, a Xunta incrementará a orde de axudas para financiar as unidades de atención temperá dos concellos máis dun 17 por cento, ata chegar aos 1,9 millóns de euros, coa previsión de poñer en marcha outras cinco novas unidades”, engadiu Rodríguez Arias.