Santiago, 26 de outubro de 2022.- A deputada do Grupo Popular Elena Suárez salientou hoxe no Parlamento galego que as inspeccións periódicas realizadas nos ríos Ulla, Umia e Sar, así como na ría de Arousa, permitiron que o 87 por cento dos puntos inventariados actualmente nesta ría no acheguen contaminación.
Ademais, subliñou que a Xunta concedeu a metade dos fondos destinados á rexeneración marisqueira en Galicia á ría de Arousa: case 3,4 millóns de euros nos últimos catro anos para proxectos de mellora dos bancos marisqueiros, cos que se actuaron sobre unha superficie superior aos 1,1 millóns de metros cadrados e a semente de máis de 31 millóns de unidades de ameixa babosa.
Elena Suárez lembrou que a Xunta “realiza un seguimento constante do estado dos bancos marisqueiros, tanto a través do labor que realizan os biólogos de zona como as mostraxes que realiza o Centro de Investigacións Mariñas, ao tempo que traballa intensamente, en colaboración coas confrarías de pescadores, alí onde se detectan descensos na produción das distintas especies marisqueiras”.
“Deste xeito, ao longo dos últimos anos, rexeneráronse máis de 15 millóns de metros cadrados de bancos marisqueiros e sementáronse máis de 200 millóns de unidades de semente de ameixa”, apuntou.
No caso concreto da ría de Arousa, a deputada popular explicou que actualmente das 12 zonas de produción para a clasificación microbiolóxica que existen nesta ría, unha está clasificada como A, 9 como B e as outras dúas como C. “Isto quere dicir que a superficie clasificada como B representa o 75 por cento da ría”, dixo.
Elena Suárez sinalou que o Centro de Investigacións Mariñas “está a realizar un exhaustivo seguimento dos bancos marisqueiros da ría de Arousa, así como abordando as accións necesarias de investigación sobre patoloxía e bioloxía das especies nestes bancos”.
ACTUACIÓNS EN VILAGARCÍA E VILANOVA
Para rematar, sinalou que, a pesar de que o saneamento non é competencia da Xunta de Galicia, o Goberno galego “traballa intensamente neste ámbito na ría de Arousa e, en concreto, neste ano vai investir máis de 15 millóns de euros nos concellos de Ribadumia, Cambados, A Illa e Vilagarcía en actuacións de mellora de saneamento nestes concellos”.
A deputada popular demandou “aos deputados socialistas que intercedan para que o Concello de Vilagarcía axilice o trámite que ten no caixón desde hai sete meses para que a Xunta poida investir os máis de 23 millóns de euros comprometidos para a ampliación da depuradora municipal, de xeito que se evite que o 97 por cento dos vertidos que se botan directamente á ría”.
“Ademais, sería interesante que os socialistas galegos fixeran algunha xestión para que o departamento de Costas do Goberno central autorice á Xunta a substitución do colector de Vilanova, actuación na que están previsto realizar un investimento de 7 millóns de euros”.