Santiago, 25 de xaneiro de 2022.- O portavoz de Asuntos Sociais do Grupo Popular, Alberto Pazos, salientou hoxe no Parlamento galego que “a Xunta destinará este ano o maior orzamento da súa historia para atención temperá: 6,2 millóns de euros, o que demostra que a atención aos nenos de 0 a 6 anos con necesidades específicas continúa a ser unha prioridade”.
Porén, amosouse sorprendido porque os socialistas galegos “reclamen agora un aumento do orzamento para atención temperá, cando ese incremento non formou parte das súas prioridades durante o recente trámite de aprobación dos presupostos da Xunta”.
Alberto Pazos amosou a conveniencia de mellorar a atención dos nenos con necesidades especiais a través da mellora permanente da rede galega de atención temperá, “un obxectivo que estará máis cerca se existe un diálogo sincero e construtivo entre todos os actores implicados nesta tarefa”.
COMPROMISO EVIDENTE
“O compromiso da Xunta coa atención temperá á máis que evidente desde a chegada de Feijóo ao Goberno galego, como amosa o feito de que nestes anos os recursos de atención temperá se teñan multiplicado exponencialmente”, sinalou Pazos.
En concreto, afirmou que entre os anos 2009 e 2021 as unidades de atención temperá pasaron de 2 a 33; os concellos con cobertura, de 14 a 145; e os nenos atendidos, de 160 a máis de 2.000. “Ademais, os orzamentos da Xunta para atención temperá ascenden a 6,2 millóns de euros, unha cifra que case duplica os 3,6 millóns de euros do 2021”, engadiu.
O portavoz popular lamentou, finalmente, que “nun servizo previsto na Lei de dependencia e que deberíase financiar ao 50 por cento entre o Estado e a Xunta, os socialistas galegos poñan o foco no Goberno galego, cando está a aportar o 70 por cento, e calan sobre a responsabilidade do Goberno central, que so aporta o 30 por cento”.