Santiago, 8 de setembro de 2021.- O deputado do Grupo Popular José Antonio Armada destacou hoxe no Parlamento galego que a Xunta disporá este ano de máis de 8,6 millóns de euros en axudas para entidades e clubs deportivos galegos. Porén, lamentou que “a inacción do Consejo Superior de Deportes durante a xestión da pandemia é especialmente gravosa no deporte estatal non profesional, que só está a percibir as axudas procedentes do Goberno galego”.
Armada lembrou que o pasado mes de febreiro publicouse a orde de axudas da Xunta de Galicia, por un importe de 2 millóns de euros, dirixida a sufragar os gastos ocasionados pola pandemia. “Esta convocatoria daba cumprimento á iniciativa aprobada por unanimidade neste Parlamento no mes de setembro de 2020 co fin de que os clubs federados puideran facer fronte ás esixencias sanitarias derivadas da Covid-19”, sinalou.
EQUIPAMENTO DEPORTIVO E COMPENSACIÓN DE PERDAS
Así mesmo, o Consello da Xunta aprobou a pasada semana ampliar ata os 2,61 millóns de euros as subvencións para a adquisición de equipamentos deportivos, o que supón multiplicar por catro as axudas consignadas o pasado 2020. Os clubs deportivos, sociedades anónimas deportivas e federacións deportivas poderán recibir o pagamento da totalidade da subvención concedida de xeito anticipado, que terán un importe mínimo de 1.000 euros e máximo de 5.000 euros por club ou sociedade anónima deportiva, ou de 10.000 por federación.
Por último, o deputado popular apuntou que a Xunta publicará proximamente, cumprindo o recollido no ditame da Comisión de reactivación aprobado polo Parlamento galego, unha nova liña de axudas destinadas a afondar na reactivación da actividade deportiva competitiva, por un importe de 4 millóns de euros. En concreto, estas subvencións destinaranse á compensación das perdas pola caída de ingresos nas entidades deportivas derivados da redución de abonados e público, así como para afrontar as cotas federativas.
Neste sentido, José Antonio Armada criticou que BNG e PSdeG “pidan agora maiores axudas para os clubs e entidades deportivas galegos, cando o pasado mes de xullo votaron en contra do ditame e do fondo de consenso, de 115 millóns de euros, disposto pola Xunta para a súa distribución pola Comisión de reactivación económica, social e cultural de Galicia para apoiar aos sectores máis afectados pola Covid-19”.