A viceportavoz do Grupo Popular, Cristina Sanz, salientou hoxe no Pleno do Parlamento galego que a Xunta é “unha administración exemplar e referente en medidas de impulso democrático, cun plan específico que se traduciu en cinco leis e 50 medidas para a mellora da rendición de contas das administracións públicas e o control dos cidadáns sobre elas”. “Galicia goza dunha excelente saúde democrática, a anos luz do que fan os socialistas desde Ferraz ou desde A Moncloa, e sempre co apoio cómplice e incondicional do BNG”, apuntou.
Cristina Sanz considerou “un dobre erro” dos socialistas galegos traer á sesión plenaria unha iniciativa sobre integridade institucional e prevención da corrupción “polo momento que está atravesando o PSOE, tanto a nivel do entorno persoal máis próximo a Pedro Sánchez como na propia estrutura do partido; e porque parece esquecer que Galicia sempre foi un referente en rexeneración democrática e integridade institucional”.
IMPULSO DEMOCRÁTICO
En concreto, a viceportavoz popular lembrou que “o Goberno de Feijóo puxo en marcha en 2015 un ambicioso programa de impulso democrático, que culminou coa aprobación de cinco leis de mellora da calidade democrática en Galicia”. En primeiro lugar, referiuse ao impulso do PPdeG para que o Consello de Contas se convertera no órgano de control externo en materia de prevención da corrupción no eido da administración pública autonómica, ao que se engadiu unha Lei de financiamento dos partidos políticos e as súas fundacións; a Lei de transparencia e bo goberno; o portal-web de transparencia da Xunta; o impulso do código ético institucional; a Lei de ordenación dos servizos xurídicos; os novos mecanismos de control da legalidade no eido das distintas consellerías; e, por último, a actualización do regulamento do Parlamento galego.
A estas iniciativas sumáronse, posteriormente o programa marco de integridade institucional ou o plan xeral de prevención de riscos de xestión e medidas antifraude, que se foi completando con plans e medidas concretas en todas as consellerías, ata o punto de que hoxe 110 centros directivos autonómicos e entidades do sector público teñen os seus publicados.
“Fronte a esta situación, atopámonos co Goberno de Pedro Sánchez, que está a facer todo o contrario e que está a fagocitar todos os mecanismos de control e salvagarda poñendo persoas afíns, como na Fiscalía Xeral do Estado, no Tribunal de Contas ou no Tribunal Constitucional”, lamentou.