21 de febreiro de 2023. O deputado do Grupo Popular José Antonio Armada salientou hoxe no Pleno do Parlamento galego que as axudas da Xunta para agricultura ecolóxica ascenderán a 9 millóns de euros anuais a partir deste ano e ata 2027, o que supón un incremento do 183 por cento respecto a 2022. “Tomamos esta iniciativa de xeito consensuado coas organizacións profesionais agrarias, dando prioridade ás pequenas e medianas explotacións”, apuntou.
José Antonio Armada concretou que a dotación anual das axudas para agricultura ecolóxica será de 9 millóns de euros, o que representa un total de 45 millóns de euros para o período da Política Agraria Común (PAC). “Esta contía supón un incremento do 130 por cento sobre o orzamento previsto inicialmente para 2023 e do 183 por cento respecto ao destinado en 2022”, sinalou.
REPARTO PROPORCIONAL
“Consideramos especialmente importante asegurar que ningún produtor quede fóra da convocatoria, porque consideramos que son fondos máis que suficientes para chegar a todos os potenciais solicitantes”, dixo o deputado popular. Así, incidiu que “o noso obxectivo é que ninguén quede sen axuda e por iso facemos un importante esforzo para dar unha resposta moi firme á espectacular evolución que está experimentando a produción ecolóxica”.
Armada explicou que, para garantir a total cobertura aos solicitantes destas axudas, “apostamos polo reparto proporcional entre os beneficiarios” e para iso indicou que a Xunta xa fixo unha consulta ao Ministerio de Agricultura e á Comisión Europea para amparar esta iniciativa. “De non ser posible este prorrateo, promoverase a priorización das axudas de acordo a criterios de selección ambientais, é dicir, atendendo ao propio espírito destas achegas”, anotou.
Ademais deste incremento das axudas específicas para a agricultura ecolóxica, José Antonio Armada engadiu que está previsto incrementar as primas por hectárea nunha media do 25 por cento, unha media que cobre no período 2023 a 2027 a cantidade que algúns produtores deixaron de percibir en 2022; e aumentaranse en 3,5 millóns de euros anuais a partida de extensificación das explotacións gandeiras. Esta última liña de achegas tamén contén un complemento de 1,5 millóns de euros para o pastoreo en concellos presenza de lobo.