24 de febreiro de 2023. O deputado do Grupo Popular José Antonio Armada salientou hoxe no Parlamento de Galicia que a Xunta investirá nos vindeiros anos 15 millóns de euros no parque natural Baixa Limia-Serra do Xurés, de acordo co recollido no Plan reitor de usos e xestión aprobado hai xusto un ano.
José Antonio Armada lembrou que o parque natural Baixa Limia-Serra do Xurés é o máis extenso de Galicia: conta cunha superficie de 29.379 hectáreas que abrangue aos concellos ourensáns de Bande, Calvos de Randín, Entrimo, Lobeira, Lobios e Muíños.
“Unha boa mostra do impulso e a aposta do Goberno galego por este espazo é a aprobación, o pasado mes de febreiro de 2022, do seu Plan reitor de usos e xestión, unha competa folla de ruta en materia de prevención e protección que prevé un investimento neste parque natural de 15 millóns de euros durante a vindeira década, unha cifra que se suma xa aos dous millóns de euros entre os anos 2022 e 2023”, concretou.
Este aporte económico dirixirase a actuacións de mantemento e conservación do parque, obras de rehabilitación de diferentes estruturas, actuacións de recuperación ambiental, realización de estudos sobre a flora e a fauna e actividades de conservación e recuperación de hábitats.
Por último, José Antonio Armada recordou que Galicia ostentará a presidencia rotatoria da Reserva da Biosfera Geres-Xurés durante os vindeiros dous anos, no que está previsto facer un investimento conxunto con Portugal de 16,4 millóns de euros neste espazo.