Santiago, 7 de setembro de 2022.- A deputada do Grupo Popular Sandra Vázquez salientou hoxe no Parlamento galego que a Xunta prevé no novo Plan Estratéxico alcanzar o 2 por cento do gasto en I+D sobre o PIB de Galicia en 2030. Neste sentido, afirmou que “non serve cun incremento porcentual económico, porque é necesaria unha estratexia que vaia acompañada de máis recursos económicos, como o está a facer o Goberno galego a través da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia-RIS3”.
Partindo destas premisas, o Grupo Popular apoiou esta mañá a aprobación dunha proposición non de lei no Parlamento galego dirixida a aumentar o investimento público en investigación, ademais de tomar medidas para consolidar unha carreira pública estable e previsible para o persoal técnico e investigador equivalente á dos países máis avanzados.
157% MÁIS DE GASTO
Sandra Vázquez concretou que a estratexia RIS3 “prevé unha mobilización de 5.000 millóns de euros de investimento público-privado ata 2027, dos que 3.000 millóns proveñen de fondos públicos, o que supón un 157 por cento máis que no período 2014-2020”.
Así mesmo, salientou que o gasto en investigación e desenvolvemento aumento en Galicia un 27,3 por cento nos últimos catro anos, alcanzando os 624 millóns de euros, mentres que o incremento da media nacional no mesmo período situouse nun 18,9 por cento.
A deputada popular asegurou que “o Goberno galego continúa traballando na estabilización do persoal investigador, de aí a creación dunha comisión interdepartamental de I+D+I, onde se poñen en común e se planifican as políticas nesta materia que se están a desenvolver desde as diferentes consellerías”.