10 de marzo de 2023. O deputado do Grupo Popular José Antonio Armada salientou hoxe no Parlamento galego que a Xunta distribuíu, con cargo ao PDR 2014-2020, máis de 106 millóns de euros en axudas para a incorporación de mozos ao medio rural galego.
“Neste momento está publicada a orde de axudas correspondente a 2023, cun orzamento de 16,5 millóns de euros”, apuntou.
Armada explicou que o orzamento inicial destas axudas con cargo ao PDR 2014-2020 era de 66,8 millóns de euros, “pero finalmente o orzamento superará os 106 millóns de euros, o que evidencia o compromiso da Xunta co relevo xeracional e para evitar o abandono na actividade agraria”.
CANTIDADE SUFICIENTE
O deputado popular concretou que, “agás na primeira convocatoria do PDR en 2016, na que se aprobaron expedientes por algo máis de 24 millóns de euros, en ningunha das seguintes se alcanzaron os 15 millóns, o que demostra unha tendencia decrecente e que fai previsible que a cantidade orzamentada para 2023 sexa suficiente para aprobar todas as solicitudes”.
“A medida de incorporación de mozos á actividade agraria está intimamente ligada á medida de investimentos nas explotacións agrarias, de xeito que moitos dos mozos que solicitan unha primeira incorporación piden no mesmo ano unha axuda para realizar investimentos en explotacións agrarias a través dos plans de mellora”, manifestou.