Santiago, 22 de febreiro de 2022.- A portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Encarna Amigo, salientou hoxe no Pleno do Parlamento galego que a Xunta “xa contratou a 100 novos profesionais dentro do Plan de saúde mental de Galicia”, dotado con 83 millóns de euros e adaptado ás necesidades da sociedade galega.
En concreto, Encarna Amigo sinalou que, de acordo co Plan de saúde mental, estaba previsto a cobertura de 32 prazas de psiquiatría, 31 de psicoloxía clínica, 32 de enfermería especialista en saúde mental, 11 de auxiliar de enfermería, 12 de traballo social e 2 de terapeuta ocupacional. “Neste momento, só están a quedar vacantes algunhas prazas de enfermería especialista en saúde mental pola carencia de profesionais nesta especialidade aínda de recente creación, pero que se irán cubrindo a medida que se incorporen novas promocións”, indicou.
Xunto á contratación destes novos profesionais, a portavoz popular salientou a posta en marcha de novas unidades de adultos en Ordes, Tui e Oleiros, así como unidades infanto-xuvenís nos hospitais públicos de Vigo e Santiago. Así mesmo, o Plan de saúde mental contempla unidades de hospitalización de día infanto-xuvenís en cada área sanitaria, como as que funcionan en Vigo, Santiago e Ourense e que se ampliarán a Lugo e A Coruña.
Encarna Amigo destacou, ademais, a posta en marcha dun Plan galego contra o suicidio, que na actualidade conta con seis unidades de prevención.