O portavoz de Turismo do Grupo Popular, Borja Verea, salientou hoxe no Parlamento de Galicia que a Xunta “xa ten mobilizados, a día de hoxe, máis do 83 por cento dos máis de 130 millóns de euros de Fondos Next Generation que xestiona para avanzar na sostibilidade turística do destino”.
Borja Verea explicou que o Goberno galego “deseñou distintas actuacións de cohesión en destino que se traduciron en ambiciosas liñas de axuda para beneficiar a concellos e tamén ás empresas, que, ademais, están a dar os seus froitos á hora de diversificar a oferta turística galega e facela cada vez máis sostible”.
En concreto, o portavoz popular referiuse ás liñas de axuda para a rehabilitación de recursos emblemáticos do litoral, ás destinadas ao embelecemento e actualización das adegas ou ás que se deseñarán proximamente para modernizar e mellorar as instalacións termais galegas, “sen esquecernos do Plan Nacional Xacobeo Next Generation, que está permitindo dinamizar e diversificar o Camiño de Santiago, ampliar a súa capacidade aloxativa e mellorar o seu patrimonio”.
Verea lembrou que desde a Axencia de Turismo de Galicia “se presta asesoramento a aqueles concellos que o solicitan e fan consultas para acollerse a estas axudas, ao tempo que os propios plans teñen reunións de seguimento onde cada concello pode formular as dúbidas que vexa necesarias”.