A deputada do Grupo Popular Nicole Grueira salientou hoxe a “responsabilidade e eficacia” coa que a Xunta está a abordar o control do xabaril en Galicia e indicou que as axudas para paliar os danos desta especie incrementaranse o vindeiro ano un 45 por cento, alcanzando os tres millóns de euros.
Nicole Grueira manifestou que “os efectos do xabaril son unha cuestión de gran impacto tanto para o medio rural, como para a seguridade das persoas e tamén para os espazos urbanos e periurbanos”. “Estamos ante un reto complexo, sobre o que a Xunta está a actuar con rigor, con planificación e cun compromiso firme, tomando medidas concretas e eficaces para paliar os danos ocasionados e controlar esta especie”, indicou.
En concreto, a deputada destacou o esforzo económico que realiza a Xunta para paliar os danos desta especie, a través de axudas específicas, que o vindeiro ano se incrementarán case un 40 por cento; e con actuacións en materia de prevención, que contarán cun incremento do 20 por cento para o 2025.
EMERXENCIA CINEXÉTICA
Ademais, referiuse á declaración de emerxencia cinexética, unha ferramenta prevista no regulamento de caza que permite abordar con maior rapidez as zonas máis afectadas, axilizando a aplicación de medidas específicas para reducir as poboacións de xabaríns.
“Esta declaración entrou en vigor o pasado 11 de outubro por cuarta vez, logo das de 2019, 2021 e 2023, co obxectivo de reducir a presión do xabaril nos cultivos, afastalos dos núcleos urbanos e mellorar a seguridade viaria”, indicou. Este ano, a declaración esténdese a 40 comarcas, 260 concellos e preto do 85 por cento da superficie de Galicia.
Para rematar, Nicole Grueira sinalou que a Xunta, a través de convenios de colaboración cos concellos, está a implementar gaiolas trampa para o control do xabaril en zonas urbanas e periurbanas. “Estas medidas están a dar resultados positivos, logo de que no período 2023-24 se rexistraran 58 capturas nos concellos participantes”, concretou.