Santiago, 5 de setembro de 2018.- O portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Aurelio Núñez, salientou hoxe no Parlamento que “a porcentaxe de camas funcionantes nos hospitais galegos neste verán foi do 88 por cento, o que supón un incremento aproximado do 13 por cento con respecto ao ano anterior”.
Aurelio Núñez lembrou que “a reestruturación de camas durante o verán, motivado polas vacacións do persoal, a menor afluencia de persoas pola baixada das patoloxías invernais ou a dificultade ou imposibilidade de substituír facultativos e outras categorías profesionais, non impide que a asistencia sanitaria en Galicia sexa tan boa nestes meses como no resto do ano”.
CARENCIA DE MÉDICOS DE FAMILIA E PEDIATRAS
Porén, o portavoz popular recoñeceu a “preocupación pola situación de atención primaria diante do déficit de profesionais médicos de familia e de pediatría, que obrigou a tomar medidas excepcionais de organización da atención pediátrica en Galicia diante da posibilidade absoluta de substituír aos pediatras”.
“Galicia é unha das comunidades autónomas con maior porcentaxe de cobertura de atención sanitaria aos nosos rapaces por parte de profesionais de pediatría”, asegurou Núñez Centeno. En concreto, lembrou que “hai comunidades en España que chegan a preto dun 50 por cento de atención da poboación infantil por parte de profesionais, cifra que en Galicia se reduce ao 12 por cento”.