Santiago, 28 de outubro de 2020.- O portavoz de Política Social do Grupo Popular, Alberto Pazos, animou hoxe aos grupos da oposición a “participar mediante emendas razoables e construtivas” no proceso de tramitación dos orzamentos da Xunta para 2021.
“O Goberno galego leva anos practicando unha política razoable, e froito desa acción e do esforzo dos galegos hoxe a nosa sociedade acortou a súa fenda económica co resto de España e a desigualdade e a taxa de pobreza reducíronse”, afirmou.
Alberto Pazos asegurou que “durante os gobernos de Feijóo os indicadores de pobreza en Galicia melloraron tanto si analizamos exclusivamente os datos de Galicia como si es comparamos coas demais comunidades autónomas”. Así, lembrou que o índice S80/20 pasou entre os anos 2009 e 2018 do 4,16 ao 4,01; o índice Gini reduciuse do 0,278 ao 0,265, cando a media de España está no 0,332; e a taxa de pobreza reflexada no últmio informe AROPE situouse no 15,51%, o mellor dato desde 2010.
ORZAMENTO ESGOTADO POLA PANDEMIA
Neste sentido, o portavoz popular cualificou de “indignante que os socialistas se atrevan a falar de precariedade laboral, cando está demostrado que os seus gobernos son unha máquina de crear desempregados e, por conseguinte, demostran a súa capacidade para crear pobreza”.
Pazos manifestou, ademais, que “resulta pouco realista que os socialistas propoñan neste momento modificacións orzamentarias, e facelo despois dunha pandemia resulta disparatado”, porque lembrou que “o orzamento da Xunta está esgotado e superado, como corresponde a unha administración que non escatimou en recursos para atender as necesidades sanitarias e sociais provocadas pola Covid-19”.
“Tampouco entendemos a súa impaciencia sobre a tramitación dos novos orzamentos de Galicia, cando a única causa do atraso é responsabilidade do Goberno de España, que aínda non facilitou toda a información necesaria para a elaboración das contas do vindeiro ano”, apuntou.