Santiago, 4 de maio de 2018. A viceportavoz do Grupo Popular, Paula Prado, salientou hoxe que en Galicia existen 45 xulgados especializados en violencia de xénero, un en cada partido xudicial, polo que dixo “non compartir a afirmación dos socialistas de que o feito de vivir fóra de Vigo ou A Coruña supoña non contar con este tipo de xulgados especializados”.
No debate dunha iniciativa parlamentaria sobre os recursos xudiciais existentes en materia de violencia de xénero, Paula Prado lembrou que “a creación de novos órganos xudiciais é competencia do Goberno central, a proposta da Comisión mixta formada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e a Xunta”.
Neste sentido, demandou “seriedade e rigorosidade” aos grupos da oposición respecto da súa proposta de comarcalización dos xulgados, e pediu que “digan como se pode levar adiante esa distribución logo de que criticaran no seu momento a comarcalización feita cos rexistros da propiedade”.
Polo que respecta ao Instituto de Medicina Legal, a viceportavoz popular explicou que a súa organización territorial estrutúrase en sete subdireccións: A Coruña, Ferrol, Santiago, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo. “Nesta organización desenvolvéronse os equipos forenses de valoración integral de violencia de xénero, integrados polo médico forense, o psicólogo forense e o traballador social forense, concretou.
Prado tamén se referiu ás oficinas de asistencia ás vítimas de violencia de xénero, que prestan asistencia integral e coordinada, independentemente do lugar de comisión do delito. Neste sentido, lembrou a recente aprobación, no marco do Observatorio Galego da Violencia de Xénero, do Protocolo de coordinación e cooperación institucional, que inclúe un mapa de todos os recursos de ámbito sanitario, policial, social e xurídico existentes na Comunidade galega a disposición das vítimas.
Para rematar, en relación á Policía Xudicial, Paula Prado sinalou que existen protocolos e usos de actuación das forzas e corpos de seguridade. Ademais, indicou que, “en relación coas vítimas protexidas, acompáñase a todas elas nas comparecencias e declaracións en sede xudicial, incluso, no caso de ser necesario, realizando o seu traslado en vehículo oficial ao xulgado”.