Santiago, 27 de novembro de 2020.- A portavoz de Política Lingüística do Grupo Popular, Sandra Vázquez, incidiu hoxe no Parlamento que “en Galicia non existe ningún conflito lingüístico” e salientou que “contamos dun modelo de bilingüismo cordial totalmente normalizado, un modelo integrador que busca a convivencia entre as linguas cooficiais en condicións de igualdade, ao tempo que se promove a aprendizaxe de linguas estranxeiras e un aproveitamento intenso co outro gran tronco lingüístico común que é a lusofonía”.
Sandra Vázquez lamentou galego que a modificación educativa realizada a través da Lei Celáa “é unha cesión política e partidista á inmersión lingüística monolingüe” e acusou aos nacionalistas galegos de “querer parecerse aos cataláns, que pretenden retroceder en todo o avanzado en política lingüística en Galicia”.
SALTAR OS MARCOS NORMATIVOS
“A través da modificación introducida na Lei Celáa, sáltanse os marcos normativos de rango superior e habilítase que a lingua castelá deixe de ser lingua vehicular no sistema educativo español, co que se altera o equilibrio lingüístico entre linguas cooficiais do Estado e se renuncia a que os cidadáns aprendan no ensino a lingua que lles vincula con falantes de distintos territorios, tanto do ámbito nacional como internacional”, sinalou.
Na súa intervención, a portavoz popular lembrou que o decreto 79/2010 para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia está “avalado por sentenzas xudiciais, pese aos intentos de trasladar que había un ataque ao galego; e está a cumprir e a respectar a comunidade educativa galega”.
Este decreto do plurilingüismo “está a acadar mellores resultados e abre as portas ao estudo de linguas estranxeiras en Galicia, podendo implantar o inglés en cada vez máis centros plurilingües e outras linguas como o portugués que xa estudan máis de 360 alumnos en Galicia logo da aprobación da Lei Paz Andrade”.
“A maioría dos galegos e galegas teñen amosado a súa conformidade co actual modelo lingüístico no ensino galego porque non queren a inmersión lingüística monolingüe que desexa o BNG para emular aos nacionalistas cataláns”, engadiu.