O deputado popular Raúl Santamaría criticou hoxe “a pouca iniciativa” do PSdeG ao volver a traer hoxe ao Pleno unha iniciativa sobre a dotación actual de profesorado de pedagoxía terapéutica, audición e linguaxe e coidadores nos centros educativos públicos galegos, “cando hai pouco máis de dous meses xa se explicou que Galicia conta con 5.000 profesionais dedicados á atención á diversidade e na próxima convocatoria de oposicións de Educación a atención á diversidade ocupa a segunda categoría con máis prazas ofertadas”.
Raúl Santamaría lembrou que as rateos de profesores nos centros de ensino galegos están reguladas e controladas por lei, pero, “a pesar diso, Galicia reduciu este rateo de xeito voluntario ata os 20 alumnos”. Ademais, subliñou que “temos os mellores rateos alumno/profesor de España e o número de prazas ofertado é moi superior á demanda existente”.
A COMUNIDADE MÁIS INCLUSIVA
“Non é casualidade que Galicia sexa a comunidade máis inclusiva de España, co 93,3 por cento do alumnado con necesidades educativas especiais matriculado en centros ordinarios, oito puntos máis que a media española”, sinalou. Así mesmo, destacou que Galicia ten unha das mellores rateos de alumnos por profesor nos centros de educación especial: 3,3 fronte ao 5,2 estatal.
O deputado popular destacou que “temos cerca de 700 profesionais de pedagoxía terapéutica e audición e linguaxe, por enriba do que marca o catálogo”, aínda que explicou que “a atención á diversidade non é cousa dos PT ou AL, senón que é cousa de todo o profesorado: hoxe Galicia ten máis docentes ca nunca, a pesar de ter 20.000 alumnos menos”.