O portavoz de Medio Ambiente do Grupo Popular, Gonzalo Trenor, salientou hoxe no Pleno do Parlamento galego que “Galicia é a comunidade autónoma que máis reduciu as emisións netas de gases de efecto invernadoiro”, unha situación que se verá mellorada coa implantación da futura Lei do clima de Galicia, aprobada no Consello da Xunta do pasado luns e que proximamente se procederá á súa tramitación na Cámara galega.
Gonzalo Trenor concretou que “desde o ano 1990, ano de referencia a nivel comunitario para as políticas climáticas, Galicia reduciu un 62 por cento as emisións netas de gases de efecto invernadoiro, unha porcentaxe moi superior ao 12,6 por cento acadado no conxunto de España”.
SUPERANDO O OBXECTIVO EUROPEO
“O logrado é tan importante que superamos o obxectivo do 55 por cento establecido pola Unión Europea para o 2030, un éxito froito dun esforzo moi importante feito por parte da sociedade galega e da maioría das nosas institucións”, indicou o portavoz popular, quen lamentou os efectos contrarios que teñen proxectos como o vertedoiro de Nostián en A Coruña ou a paralización que sofren en Galicia o desenvolvemento das enerxías renovables.
Trenor incidiu no “compromiso real de Galicia polo clima” e mostra disto é a aprobación polo Consello da Xunta o pasado luns do proxecto de Lei do clima de Galicia, “unha norma que se marca como reto principal dotar á comunidade das ferramentas, órganos e instrumentos necesarios para garantir a consecución da neutralidade climática no horizonte de 2040, unha década antes do prazo fixado pola Unión Europea”.