Santiago, 19 de xaneiro de 2022.- A viceportavoz do Grupo Popular, Paula Prado, salientou hoxe que “Galicia é a primeira comunidade autónoma en revisar e someter a exame todos os entes instrumentais do noso sector público autonómico, actuando sobre 160 entidades, das que se suprimirán 97 e se mellorarán 63”.
Así mesmo, lembrou que a Xunta aprobou o pasado mes de marzo o primeiro Plan xeral de xestión e mellora da calidade dos servizos do sector público autonómico, que permitirá avanzar no compromiso do Goberno galego cos principios de boa administración e a gobernanza, incrementando a satisfacción dos cidadáns.
Paula Prado manifestou que “a avaliación é unha das ferramentas necesarias nun sistema de gobernanza moderna” e destacou que a Xunta vén realizando desde 2009 políticas activas de avaliación a través dunha dirección xeral.
ESFORZO DE ANÁLISE E AVALIACIÓN
“Ao longo destes anos, o Goberno galego ten feito un esforzo na súa análise e avaliación no ámbito das entidades públicas instrumentais”, dixo a viceportavoz popular, quen concretou que o resultado destas avaliacións foron tres plans que deron como resultado a supresión de 97 entes e a mellora doutros 63.
Así mesmo, fixo referencia ao primeiro Plan xeral de xestión e mellora da calidade dos servizos do sector público autonómico de Galicia, aprobado polo Xunta en marzo do pasado ano e que terá unha vixencia ata 2023. Esta medida inclúe 10 eixos de actuación, que engloban 26 medidas e 61 accións relativas á simplificación de procedementos e accesibilidade para a cidadanía.
As 26 medidas prioritarias están estruturadas en eixes de actuación que abordan o funcionamento dos servizos públicos; a xestión da calidade e os instrumentos de mellora da calidade; a racionalización e simplificación de procedementos administrativos; a contratación administrativa; a xestión do persoal; a transparencia, a información e atención á cidadanía; a participación cidadá; a integridade institucional; e a difusión e comunicación do propio Plan.
Por último, Paula Prado afirmou que a Lei de simplificación administrativa permitirá “unha mellor e máis áxil utilización dos fondos europeos”. Neste sentido, lamentou que “menos da metade dos concellos galegos responderan unha enquisa remitira pola Xunta para coñecer as súas necesidades na tramitación administrativa, entre os que se atopan as sete grandes cidades galegas”, a pesar de que a concesión de licenzas de obra se retrasa varios meses.