O voceiro de Medio Ambiente do Grupo Popular, Gonzalo Trenor, salientou hoxe no Pleno do Parlamento galego que “Galicia foi a primeira comunidade autónoma en contar cunha estratexia de infraestrutura verde e de conectividade e restauración ecolóxicas. Na actualidade, o Goberno galego está a traballar na elaboración do Plan de seguimento e implementación da infraestrutura verde de Galicia, co obxectivo de proceder á súa aplicación no período de vixencia ata o ano 2050.
Gonzalo Trenor explicou que o obxectivo desta estratexia “é a creación dunha rede de espazos e elementos que melloren a resiliencia ante o cambio climático e que contribúan á conservación da biodiversidade e beneficien ás poboacións das contornas”.
CAMBIO DE PARADIGMA
“A estratexia representa un cambio de paradigma na ordenación do territorio, clave para o benestar da poboación, xa que permitirá reducir a fragmentación de hábitats que albergan ecosistemas”, apuntou.
O portavoz popular sinalou que a estratexia de infraestrutura verde “fai especial fincapé nas urbes e impulsa iniciativas como a creación de rúas verdes coa plantación de especies autóctonas”. Neste eido, dixo que “tamén se fortalecerá a coordinación entre as distintas administracións públicas para garantir o éxito da implementación desta infraestrutura verde, dando prioridade á información, á formación e á participación da cidadanía nesta materia”.
Respecto da creación de vías verdes, Gonzalo Trenor lembrou o compromiso, xa anunciado polo Presidente da Xunta, Alfonso Rueda, de planificar unha rede de sendas que conectarán todo o litoral galego, desde Ribadeo ata A Guarda