Santiago, 22 de abril de 2022.- O deputado do Grupo Popular Alberto Pazos salientou hoxe no Parlamento galego que, “durante o Goberno de Alberto Núñez Feijóo, Galicia foi a comunidade autónoma que más converxeu coa renda media nacional e ese incremento centrouse fundamentalmente nas rendas das clases medias”.
Alberto Pazos subliñou que “por primeira vez Galicia supera o 90 por cento da renda media nacional, e todo iso dedicando máis recursos que nunca a combater a pobreza e a exclusión social, fortalecendo a Risga e as axudas de inclusión social, impulsando os programas de inserción laboral e poñendo en marcha medidas realistas fronte á propaganda baleira dun goberno de esquerda que, unha vez máis, leva ao noso país a unha situación económica de crise, paro e pobreza”.
RISCO INFLACIONISTA
“Levamos meses advertindo do risco grave de incremento da pobreza derivado da espiral inflacionista á que nos están levando as políticas do Goberno de Pedro Sánchez”, sinalou o deputado popular, quen lembrou que “a suba de prezos en España ronda o 10 por cento, unha cifra que non alcanzábamos desde hai máis de 30 anos”.
Neste sentido, lamentou que os socialistas “levan meses afirmando que o incremento de prezos de produtos e servizos básicos era puntual e que garantían un escudo social que non deixaría a ninguén atrás, pero ante o seu evidente fracaso, agora pretenden responsabilizar á Xunta”.
O deputado popular sinalou que o Goberno central “pretendía que o ingreso mínimo vital garantira unha cobertura mínima ás necesidades de calquera persoa, ignorando as advertencias de que a xestión centralizada desa renda impediría que fose efectiva”. “Agora acertan cando rectifican e anuncian o traspaso do ingreso mínimo vital a Galicia, que permitirá unha maior e mellor cobertura das necesidades sociais”, apuntou.