A portavoz de Vivenda do Grupo Popular, María Deza, salientou hoxe no Pleno do Parlamento galego que “Galicia foi unha comunidade pioneira na regulación das vivendas de uso turístico, incorporándoas á oferta regrada como unha modalidade aloxativa complementaria e non excluínte do resto de tipoloxías”. Porén, demandou que “todas as administracións deben regular a parte que lles toca, con maior ou menor laxitude, dentro da esfera das competencias que a cada unha lle poida corresponder”.
María Deza explicou que as prazas das vivendas de uso turístico “non están activas sempre, xa que poden compatibilizar o seu uso residencial co turístico”, ao tempo que indicou que “existe unha correcta convivencia entre as máis de 26.400 vivendas de uso turístico dadas de alta e o resto de tipoloxías de aloxamento tradicionais”.
“E proba disto son dous datos irrefutables: a demanda turística nas vivendas de alugueiro tradicional medra e a rendibilidade hoteleira é hoxe a máis alta desde que existen rexistros, medrando un 7 por cento; e que o pasado ano aloxáronse nos establecementos tradicionais máis de 7 millóns de persoas, fronte a algo máis de un millón nas vivendas de uso turístico”, concretou.
BASE ERRÓNEA DE PSOE E BNG
Respecto da regulación destas vivendas de uso turístico, María Deza indicou que “a declaración autonómica responsable prevista no decreto non é suficiente para a apertura dunha vivenda destinada a esa actividade, para o que se require, ademais, a autorización municipal correspondente en forma de comunicación previa”.
Deste xeito, apuntou que “os concellos teñen un papel determinante na habilitación ou non desta modalidade aloxativa, así como na comprobación de se unha determinada vivenda de uso turístico incumpre ou non a súa normativa e, nos casos de incumprimento, serán os concellos os que deben comunicarllo a Turismo de Galicia para proceder ao expediente de baixa no rexistro”.
María Deza criticou que BNG e PSdeG “parten da base errónea de que a eliminación destas vivendas de uso turístico garanten que as mesmas vaian pasar ao mercado residencial”, porque “a realidade é testuda e as políticas intervencionistas en materia de vivenda só provocan inseguridade xurídica e que os arrendadores retiren os seus inmobles do mercado”.
“Ademais, a prohibición desta modalidade aloxativa podería conlevar a perda dunha parte da actividade económica xerada en sectores como o comercio, a restauración, o lecer e a cultura, e un enfraquecemento da competitividade da Comunidade galega e da súa potencialidade turística, sen resolver os problemas de fondo do acceso á vivenda”, rematou.