O portavoz do Medio Rural do Grupo Popular, Miguel Ángel Viso, asegurou hoxe no Pleno do Parlamento galego que “Galicia ofrece o maior esforzo económico feito nunca para axudar aos afectados pola vaga de incendios forestais, cun salto enorme respecto a convocatorias anteriores: agora asígnanse máis cartos e por máis tempo, garantindo unha resposta rápida ás necesidades urxentes”. “E cando remate a tramitación e teñamos avaliación completa, se a situación o require haberá novas ordes complementarias”, apuntou.
Miguel Ángel Viso concretou que neste momento a Xunta xa ten concedidas 42 axudas por vivendas afectadas, por valor de 2,9 millóns de euros; 10 axudas a empresas, por 280.000 euros; 24 axudas a tecores, por 180.000 euros; e máis de 1.600 solicitudes agrícolas e forestais que se atopan en tramitación, co compromiso de pagar o 80 por cento das axudas antes de que remate o presente ano. A isto súmase a ampliación da rede de videovixilancia, cun investimento de 2,2 millóns de euros, ata chegar ás 237 cámaras.
“Os socialistas galegos están tan desesperados por atopar cortinas de fume que tapen a corrupción que os envolve, que agora recorren ao único fume que lles queda: o dos incendios”, sinalou o portavoz popular, quen lamentou que “Pedro Sánchez e os ministros Marlaska e Planas viñeron a Galicia a falar moito, a prometer de todo, a anunciar fondos e medidas urxentes, pero a verdade é que os galegos afectados polos incendios seguen sen ver un euro do Goberno central”.
Deste xeito, Viso subliñou que “a Xunta responde e seguirá ao lado dos que traballan a terra, coidan o monte e manteñen viva esta terra”, e criticou “o descaro dos socialistas galegos para vir a este Parlamento a pedir responsabilidades e correccións nas liñas de axuda da Xunta mentres o Goberno de Pedro Sánchez maltrata, esquece e despreza a Galicia”.