Santiago, 12 de xullo de 2022.- O viceportavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, subliñou hoxe no Pleno do Parlamento galego que “Galicia sempre estivo por debaixo da media nacional respecto da taxa AROPE de pobreza relativa, acurtando a diferenza coa renda media nacional como nunca antes na súa historia”.
Deste xeito, demandou ao PSdeG que “se queren reducir a pobreza deixen de subir impostos ás clases medias a nivel estatal e controlen a inflación, o prezo da enerxía, dos carburantes ou da cesta da compra, e deixen de mentir”.
No debate dunha proposición non de lei sobre a tarxeta básica, Alberto Pazos lembrou que “foi un instrumento que se creou no seu momento para atender situacións de emerxencia social durante a pandemia, que ía durar seis meses e se mantivo dous anos”. “Galicia foi a primeira das dúas únicas comunidades autónomas que creou unha tarxeta para aliviar as dificultades dos máis necesidades, investindo neste tempo 42 millóns de euros para axudar a máis de 75.000 persoas”, lembrou.
FALTA DE SENSIBILIDADE
Neste sentido, criticou que BNG e PSdeG acusen de “falta de sensibilidade” ao Goberno galego por suprimir esta tarxeta básica, cando “nin unha soa comunidade gobernada por nacionalistas ou socialistas creou un instrumento similar para atender á poboación sensible”.
Alberto Pazos explicou que Galicia dispón dunha Estratexia de inclusión social 2014-2020, que se continuará executando ata 2023, así como cunha Axenda Social Única 2021-2024, que foi consensuada coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e coas principais entidades de iniciativa social de Galicia. Esta Axenda Social inclúe 93 medidas e só no ano 2021 xa supuxo un orzamento de 400 millóns de euros.