Santiago, 13 de xullo de 2021.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición de lei para garantir a igualdade real entre mulleres e homes no ámbito universitario e da investigación, coa que Galicia “será a primeira comunidade autónoma que garanta por lei que nas convocatorias de axudas no ámbito da investigación se estableza un factor corrector que permita compensar os períodos de inactividade investigadora e garantir a igualdade de oportunidades”, salientou a viceportavoz popular, Paula Prado.
Na súa intervención, Prado subliñou que “no PPdeG somos conscientes de que a traxectoria profesional e investigadora das mulleres conta con innumerables obstáculos, pero dous moi evidentes nos que é preciso actuar: a conciliación e a maternidade”.
SISTEMA AVANZADO
Deste xeito, lembrou que a proposición de lei modifica o artigo 20 do decreto 20/2015 coa finalidade de introducir mecanismos correctores e obxectivos nas convocatorias públicas de I+D+i para evitar a discriminación ou a penalización en caso de maternidade, paternidade ou permisos temporais por embarazo, coidado de persoas dependentes ou lactación.
“Non hai ningunha lexislación nin ningunha convocatoria, no só en España senón tamén en Europa, que estableza un sistema tan avanzado como o que hoxe aprobamos en Galicia por lei”, manifestou a portavoz popular, quen recoñeceu que “a dificultade está en que a baremación das convocatorias de investigación se basea fundamentalmente en méritos, e por iso resulta moi difícil establecer un marco xeral para todas as convocatorias, xa que cada unha ten as súas especificidades”.
Paula Prado tamén puxo en valor o que está a facer o Goberno galego e destacou que, “por primeira vez este ano, se introduciron criterios obxectivos, novidosos e diferenciadores nas convocatorias de axudas predoutorais e posdoutorais, que non existen en ningunha convocatoria de investigación de ningunha outra comunidade autónoma nin tampouco do Estado”.
“Ademais, Galicia é a única comunidade autónoma de España que instaurou unha puntuación adicional para compensar ás persoas candidatas que estean de baixa laboral, ben por razón de maternidade, paternidade ou calquera outra cuestión médica, co obxectivo de rachar coa discriminación á hora de acceder a estas bolsas”, engadiu.