Santiago, 13 de xullo de 2021.- O Parlamento galego aprobou hoxe a proposición de lei a través da que se inclúe a violencia vicaria como unha forma máis de violencia de xénero. “Galicia, unha vez máis, está sendo das primeiras comunidades en lexislar sobre a violencia vicaria, aínda que estas mulleres e cativos vítimas xa levan sendo recoñecidos e beneficiarios das axudas e servizos da Xunta desde o ano 2015”, salientou a viceportavoz popular, Paula Prado.
Na súa intervención, Prado lamentou que, “en pleno século XXI, non temos erradicado da nosa sociedade a expresión máis cruel da desigualdade: a violencia contra as mulleres, desde as expresións máis sutís e cotiás ata as máis atroces e encarnizadas que culminan coa violencia extrema e a eliminación da vida”.
“Dentro das formas de violencia de xénero hai unha especialmente sádica e despiadada que é a denominada violencia vicaria: a que é exercida sobre os fillos e fillas para facer un dano irreparable na nai”, sinalou.
CALQUERA FORMA DE VIOLENCIA
Deste xeito, Paula Prado salientou que “conseguimos elaborar un texto lexislativo tecnicamente impecable, preciso, rigoroso, claro e que aborda todas as posibles situacións que neste ámbito poidan darse”. Así, destacou que a lei “non só fai referencia ao homicidio ou asasinato, senón a calquera outra forma de violencia exercida sobre as fillas e os fillos da muller ou calquera outra persoa estreitamente unida a ela”.
A viceportavoz popular recordou que en Galicia, “aínda que non estivera na lexislación, o Goberno galego xa estaba poñendo os medios necesarios a disposición desas vítimas e xa se viña facendo a través das actuacións na materia desde hai anos”. En concreto, apuntou que desde 2015 “xa garantimos ás vítimas de violencia vicaria, consideradas como vítimas de violencia de xénero, todas as axudas e servizos da nosa competencia asociados a esta condición, e non só cando se trataba de fillos ou fillas da vítima, senón tamén a familiares galegos”.
Para rematar, Paula Prado manifestou que “este paso de xigante ten que vir acompañado dunha actuación de verdadeiro compromiso pola igualdade do Goberno de España: que cumpra o pacto de Estado e se deixe de parchear e faga unha verdadeira reforma da Lei integral de violencia de xénero, actualizando a lexislación de 2004 á realidade de 2021”.