A portavoz de Política Social do Grupo Popular, Raquel Arias, salientou hoxe no Pleno do Parlamento galego que Galicia será o vindeiro ano, unha vez máis, a comunidade autónoma coa maior taxa neta de escolarización infantil de 0 a 3 anos de toda España, ao que se engade a gratuidade destas escolas para todos os nenos e nenas.
Raquel Arias concretou que a escolarización para nenos e nenas de 0 a 3 anos acada en Galicia o 60,6 por cento, cando a media de España se sitúa no 49 por cento. “Son 20 puntos por enriba da porcentaxe de escolarización de Cataluña e o dobre que o que teñen en Asturias”, apuntou.
Ademais, lembrou que desde hai catro anos as escolas infantís son gratuítas para todos os nenos de 0 a 3 anos, “sexa cal sexa o centro ao que vaian, tanto público, como privado ou dunha entidade social”. Esta medida, que as familias poden gozar ata un máximo de 8 horas ao día durante once meses cada ano, permite un aforro de cerca de 3.000 euros por fillo cada ano.
RECURSOS DE CONCILIACIÓN EN TODOS OS CONCELLOS
“En Galicia, todos os concellos, por moi pequenos que sexan, contan cun recurso de conciliación gracias ás casas-niño, das que hai un cento repartidas por toda a xeografía galega”, indicou a portavoz popular.
Porén, Raquel Arias afirmou que “a Xunta dispón para as familias de todos estes beneficios exclusivamente cos seus orzamentos, aos que dedica cada ano 65 millóns de euros”. “Lamentablemente non conta co apoio do Goberno de Pedro Sánchez, a pesar de que xa prometera a gratuidade das escolas infantís en 2018 e de que na última Conferencia de Presidentes prometeu 175 millóns de euros para este fin”, sinalou.
Para rematar, a portavoz popular asegurou que “Galicia está executando os fondos europeos e con eles vanse crear 1.000 novas prazas de escolas infantís, en colaboración cos concellos”. “1.000 novas prazas que, desgraciadamente, non se poderán beneficiar as familias de ningún concello gobernado polo BNG porque os seus alcaldes se negaron a solicitalas”, dixo.