Santiago, 22 de outubro de 2020.- O deputado do Grupo Popular Martín Fernández Prado salientou hoxe no Parlamento de Galicia que o 42 por cento do territorio galego está amparado baixo algún tipo de figura de protección, como a Rede Natura ou as reservas da biosfera.
Fernández Prado explicou que “a Xunta impulsou nos últimos anos un proceso de actualización normativa co fin de dotar aos seis parques naturais que existen en Galicia dunha folla de ruta específica e adaptada ás súas necesidades e características particulares”.
De feito, a día de hoxe están aprobados tres plans reitores de uso e xestión de parques naturais: O parque natural da Serra da Enciña da Lastra, o parque natural do Invernadoiro e o parque natural do Monte Aloia. A estes, engádese o parque nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas, que tamén conta con plan reitor.
CONSENSO E TRABALLO CONXUNTO
“Dos tres plans reitores que quedan pendentes de aprobar, a previsión é que este mesmo ano se aprobe o do parque natural complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán”, avanzou o deputado popular. A continuación, retomaranse os plans reitores do parque natural de Baixa Limia-Serra do Xurés, do que xa se ten practicamente ultimada a nova zonificación; e o do parque natural das Fragas do Eume.
Martín Fernández manifestou que o Goberno galego “ten claro que o camiño para acadar o mellor plan reitor de usos e xestións é aquel que nace do consenso e do traballo en conxunto de todas as partes que interveñen nestes territorios”. “Este é un proceso que require tempo e para o que resulta imprescindible escoitar e valorar todas as achegas que se reciban nas fases de participación pública, tanto previas como posteriores á súa redacción”, sinalou.
O deputado popular subliñou que “Galicia conta xa cun alto nivel de protección da biodiversidade, que chega ao 42 por cento do territorio galego”. Destro deste espazo inclúense os seis parques naturais, o parque nacional das Illas Atlánticas, cinco humidais protexidos, oito monumentos naturais, dúas paisaxes protexidas, 12 espazos naturais de interese local (ENIL) e dous espazos privados de interese natural (EPIN). A todo isto, engádense 59 zonas especiais de conservación (ZEC) e 16 zonas de especial protección para aves (ZEPA).