Santiago, 24 de novembro de 2020.- O portavoz de Política Social do Grupo Popular, Alberto Pazos, salientou hoxe no Pleno que “o 98 por cento dos usuarios das residencias galegas están libres de Covid-19”.
Esta situación non é mérito exclusivo do Goberno galego, senón froito do traballo conxunto de moita xente, como o persoal das consellerías de Política Social e Sanidade; das direccións e dos empregados dos centros; das familias dos residentes, que fan renuncias importantes para protexer aos maiores; e dos propios maiores, que están a dar unha lección de responsabilidade”, dixo.
Alberto Pazos demandou dos grupos da oposición que “se atribúen ao Goberno galego a existencia de contaxios en 65 residencias, tamén é razoable que recoñezan que as medidas implementadas por ese mesmo goberno manteñen o virus alonxado de máis de 400 centros residenciais sen un só contaxio”.
SEGUIR INDICACIÓNS DOS CIENTÍFICOS
“Estamos a vivir unha situación de incerteza da que o Goberno galego e o Grupo Popular pretendemos saír transitando o camiño que parece mais seguro: aquel que sinale a evidencia científica”, manifestou. Neste sentido, avogou por “seguir as indicacións dos organismos científicos e aplicar esa ciencia conforme o criterio de técnicos cualificados e de prestixio recoñecido”.
Pola contra, criticou que a oposición “nos traslade unha serie de propostas cuxo fundamento científico é absolutamente descoñecido”. “Quen os asesora para propoñer estas medidas?”, cuestionou o portavoz popular, quen apuntou que “se realmente coñecen a fórmula para evitar contaxios e mortes, por que non a trasladan aos seus gobernos autonómicos?, e, se o fixeron, por que presentan peores datos de contaxio e de mortalidade que Galicia?”.
Pazos explicou que a oposición “propón a evacuación de todos os positivos das residencias, en contra do criterio dos expertos, que afirman que debe valorarse cada caso individualmente; cuestionan a inspección no momento da historia en que máis controladas están as residencias; e se queixan da transparencia de quen facilitou información puntualmente, namentres calan sobre a ausencia total de datos por parte do Goberno de España”.