Santiago, 8 de febreiro de 2022.- A portavoz de Cultura do Grupo Popular, Teresa Egerique, salientou hoxe no Pleno do Parlamento galego que “o BNG volva ir por detrás do Goberno galego solicitando un plan de actuación para impulsar a cultura galega no marco dos fondos Next Generation, logo de que a Consellería xa celebrou o pasado 2 de febreiro un foro de traballo e diálogo cos sectores culturais para o reparto destes fondos europeos”.
Teresa Egerique explicou que nesta xuntanza “xa se fixaron as dinámicas de traballo para desenvolver o proceso de participación, mediante un calendario de xuntanzas presenciais e telemáticas, coa vista posta en valorar as necesidades do sector e consensuar un grupo de expertos para presentarlle ao Ministerio de Cultura co obxectivo de conseguir financiamento procedente dos fondos europeos”.
SECTOR CULTURAL Á ALZA
Así, está previsto a creación de oito grupos de traballo para deseñar proxectos de transformación estratéxica da cultura galega: audiovisual, artes escénicas, libro, música, institucións culturais, artes visuais, patrimonio cultural e lingua.
“Galicia ten hoxe un sector cultural á alza, que en números representa o 3 por cento do PIB galego, mobiliza arredor de 1.740 millóns de euros e representa o 3,6 por cento do emprego na comunidade autónoma”, sinalou a portavoz popular. Egerique subliñou que “Galicia foi unha das catro comunidades autónomas nas que aumentou o número de empregados respecto a antes da pandemia”.